Louzán asegura que a "gran vocación" do BNG é "dar carnés certificados de boa conduta" pero "con moral dobre e hipócrita"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra e do Partido Popular na provincia, Rafael Louzán, asegurou este venres que o acontecido na Deputación de Lugo, co pacto entre PSOE e o BNG, "foi un esperpento unha guerra de baixos fondos".
Segundo Louzán, no caso de Lugo, o BNG con só dous deputados "chantaxea" o Partido Socialista, "débil e sen liderazgo", que ten once deputados, "para que non goberne o que gañou con 12 deputados".
"Nesa chantaxe, no colmo da humillación, o Partido Socialista entregou a cabeza dun compañeiro que non satisfacía ao BNG", explicou Rafael Louzán.
Para o mandatario popular o Bloque "non é coherente" xa que quere gobernar nas deputacións e ao mesmo tempo "pretenden liquidar e enterrar" a esas institucións. "Paréceme razoable que coa representación que teñen queiran marcar pauta pero son incoherentes coa liña que teñen en contra das deputacións", dixo Louzán respecto aos nacionalistas do BNG.
Do acontecido en Lugo esta semana para Louzán "quedou claro que o Partido Socialista está disposto a queimar na fogueira, como na Inquisición, aos seus ou a quen sexa con tal de tocar poder", afirmou.
Louzán: "Nesa chantaxe, no colmo da humillación, o Partido Socialista entregou a cabeza dun compañeiro"
Rafael Louzán asegurou que a "gran vocación" do BNG é "dar carnés certificados de boa conduta" pero "con moral dobre e hipócrita" porque, ao seu xuízo, "os imputados doutras listas aos que o BNG impide que gobernen téñenos eles gobernando nas súas propias filas, casos de Vimianzo e de Arzúa, onde non pasa absolutamente nada".
Para o presidente da Deputación pontevedresa, "o único que quedou claro en Lugo é que quen goberna é o que máis votos ten o Partido Popular", polo que reprochou que "a interpretación dos resultados electorais non a poden facer os partidos políticos senón a propia lei".
Por outra parte, Rafael Louzán sinalou que o goberno da Deputación de Pontevedra, cunha provincia de un millón de habitantes, é de 740.161 euros mentres que a provincia de Lugo, con 300.000 habitantes, ten un goberno na súa Deputación que custa 1.403.008,38 euros. "Comparen", dixo Louzán "os gobernos de coalición custan o dobre, como mínimo". E non é comparable unha provincia que debe dar servizo a 300.000 habitantes fronte a outra que ten que dar servizo a un millón.
Respecto á situación para alcanzar un pacto de goberno en Pontevedra, Rafael Louzán dixo "non teño noticias", e engadiu que "semella que o BNG está a esixir a Deputación da Coruña a cambio de que se lle dea a de Pontevedra ao PSOE".
CARMELA SILVA
Rafael Louzán preguntouse se o BNG será "congruente" nas súas esixencias coa candidata do PSOE para presidir a Deputación de Pontevedra, o tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, xa que recordou que "ten aberto un expediente dende o anos 2012 dentro do Partido Socialista por acumulación de cargos".
"O cambalache está servido, a chantaxe tamén e a política para optar ao poder ten un prezo: pasar por enriba de quen sexa, incluída a lista máis votada", sinalou Louzán.
BESTEIRO
Finalmente, Rafael Louzán sinalou que a actuación do alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, votándose a si mesmo, lle parece "coherente" aínda que "deixou en evidencia a Besteiro na propia casa na que gobernara", e engadiu "se iso lle pasa ao Partido Popular, estalle a pedir a cabeza automaticamente ao responsable político. Sobre todo se ese responsable político quere ser líder dunha alternativa para gobernar Galicia".
Para Louzán o líder dos socialistas galegos "levaría a Galicia como a un barco sen rumbo, o levaría ás pedras seguro".
Relacionadas:
-
Louzán di que "a cidade de Pontevedra é moeda de cambio" no pacto PSOE e BNG na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O Partido Popular designa a Rafael Louzán deputado por Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
Tamén o PSOE descarta que o acontecido en Lugo afecte á Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán inicia a súa despedida da Deputación "en diferido"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un bolero mexicano para Louzán
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
"Tarde piaches" contesta Lores a Louzán ante a súa insistencia de pacto na Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |