Veciños da avenida de Vigo rescatan un gato encerrado nunha bolsa azul dentro dun colector
Por Natalia Puga
Un grupo de veciños da avenida de Vigo rescatou este luns a un cachorro de gato que permanecía encerrado nunha bolsa de cor azul dentro dun colector de lixo. O felino estaba en "un estado lamentable" que fai prever que se tivese permanecido máis tempo alí podería ter falecido.
Unha das veciñas implicadas no rescate é Elisa Barreiro, que explicou a PontevedraViva que todo comezou sobre as 16.00 horas da tarde. Varios veciños sentiron miaños dun gato no ámbito do instituto Frei Martín Sarmiento e buscaron de onde procedían, pero non encontraron nada. Dúas horas máis tarde, sobre as 18.00 horas, outros cidadáns volveron escoitar os sons dun gato que parecía estar en apuros, volveron buscar e finalmente descubriron que a chamada de auxilio procedía do interior dun colector.
"Movemos as bolsas, empezamos a rebuscar e rebuscar e apareceu", explica esta veciña, que se mostra indignada co estado no que apareceu o gato, que resultou ser unha gata de apenas dous meses: "Estaba pechado nunha bolsa para que non respirase".
Os propios veciños metéronse dentro do colector para sacar o gato porque, segundo denuncian, non recibiron a resposta que esperaban da Policía Local. Cando descubriron o sucedido, puxéronse en contacto coa Xefatura coa confianza de que unha patrulla se desprazase ao lugar para axudalos, pero, en lugar de ir, avisaron á empresa que xestiona a recollida de lixo e presentouse unha traballadora de Cespa.
Unha vez que o gato xa estaba rescatado, a traballadora do servizo de limpeza e recollida de lixo decidiu quedar co animal como mascota. Os veciños implicados no rescate aplauden esta medida, pois pois "daba moita pena, pero os que estabamos alí xa tiñamos todos animais e non podiamos quedar con el".
Elisa Barreiro cualifica de "barbaridade" o comportamento da persoa que deixou ao gatiño nesa situación e enmárcao nun momento actual no que "non sei que está a pasar en Pontevedra e en máis sitios", pois cada día saen á luz casos de maltrato animal: "Moralmente é terrible".