Deteñen o condutor do coche que empezou a arder en marcha e obrigou a cortar a autovía de Marín
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo o condutor do turismo marca BMW que na noite deste luns comezou a arder en marcha cando circulaba pola autovía de Marín e obrigou a cortar ambos os dous carrís de circulación da vía. O mozo foi detido porque o coche afectado non era seu e o utilizou sen permiso.
Segundo informou a Policía Nacional, o detido é un veciño de Pontevedra de 23 anos con antecedentes policiais por delitos como tráfico de drogas ou conducir sen carné. Nesta ocasión, foi arrestado como presunto autor dun delito de apropiación indebida.
Os feitos aconteceron sobre as 23.10 horas, cando o turismo circulaba en dirección a Marín e empezou a arder. O condutor logrou apartarse cara á beiravía e abandonar o vehículo, pero non puido evitar as chamas, que arrasaron por completo o BMW 330.
As chamas foron sufocadas polos Bombeiros de Pontevedra e foi necesaria tamén a intervención da Garda Civil de Tráfico e a Policía Nacional. Os axentes policiais abriron unha investigación e descubriron que o vehículo estaba dado de baixa en Tráfico e carecía de ITV, de modo que se entrevistaron co condutor.
O piloto declarou que o vehículo era dun coñecido seu e que se o levara sen permiso, polo que os axentes procederon á súa detención por un delito de apropiación indebida. Este martes foi posto a disposición do Xulgado de Garda, que lle deixou en liberdade.
O dono do coche corroborou esta versión, pois indicou que comprara o coche para reparalo e volver vendelo e autorizou o condutor a ensinárllo a posibles compradores, pero non a conducilo, pois non tiña permiso para circular.