Denuncian atrasos de ata tres días na recollida do lixo na Praza de Abastos de Marín
Por Redacción
No Concello de Marín véñense producindo "deficiencias no servizo de recollida do lixo" dende "hai xa varias semanas". Así o denuncia o BNG e a súa voceira, Pilar Blanco, pide explicacións ao Goberno local, centrando as súas queixas, en particular nos colectores vinculados á Praza de Abastos.
Blanco denuncia que "vimos observando que nas últimas semanas a recollida non é completa, e o horario establecido non se cumpre". Indica, por exemplo, que "o sábado 22 non se recolleu o lixo da Praza de Abastos, que permaneceu ata o luns 24 pola mañá desbordando os colectores".
En relación coa Praza de Abastos, engade que o sábado 29 de decembro aconteceu o mesmo, o lixo estivo "tres días á porta da Praza e o cheiro inunda os arredores" e en xeral en todo o municipio "a limpeza dos colectores, simplemente non existe".
Outro punto no que detectan deficiencias é a rúa Echegaray, ao lado da igrexa vella. "O horario de recollida do colector verde que contén o lixo orgánico non se cumpre, de xeito que en lugar de facelo despois das dez da noite e ate as sete da mañá como establece o contrato, para despois poder trasladalo á planta de Ribadumia, faise polo día, despois das 07.00 horas, de xeito que a recollida non é completa e o colector amarelo queda sen recoller", explica.
Asimesmo, "hai deficiencias na recollida do cartón e papel e vidro. Os establecementos comerciais, como supermercados pagan unha tarifa especial e o Concello ten obriga de ofrecerlles este servizo, pero algúns recibiron orden expresa, de non botar o papel nos colectores".