Reclaman no Parlamento galego a paralización dos expedientes urbanísticos en Vilaboa
Por Oskar Viéitez
A deputada socialista Carmen Gallego presentou unha iniciativa parlamentaria na que reclama a paralización dos expedientes abertos pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) contra algúns inmobles de Vilaboa que poderían ser legalizados no próximo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Máis de 300 veciños deste municipio, entre eles o alcalde socialista, Luis Poceiro, manifestáronse esta fin de semana para esixir que se axilice a aprobación do Plan Xeral, que regularizará unha decena de vivendas edificadas en chan rústico e sobre as que pesa actualmente a ameaza do derrubamento.
A responsable socialista Carmen Gallego levou ao Parlamento o acordo aprobado por unanimidade dos portavoces municipais de PSdeG, BNG e PP para pedirlle á Xunta que paralice a execución dos expedientes da APLU “respecto das obras que poidan ser obxecto de legalización co novo PXOM”.
Advirte que os retrasos no PXOM, en trámite dende hai 13 anos, poderían supor a desaparición de inmobles legalizables precisamente cando o Plan está pendente do documento do equipo redactor para ser enviado á Xunta e previsiblemente aprobado.
Gallego sinala que esta situación representa “varios riscos para o Concello e tamén moitas dificultades para a veciñanza”, con vivendas “nunha situación difícil”, xa que “algunhas teñen expedientes administrativos abertos pola APLU”.
Estas “son legalizables ao quedar inseridas en zonas urbanas ou de núcleo rural” no novo PXOM, pero se enfrontan a “danos irreparables tanto aos veciños e veciñas como ao ordenamento, planificación e protección do territorio no Concello de Vilaboa”.
Relacionadas:
-
O PP rexeita no Parlamento a paralización do derrubo de vivendas esixida polo seu grupo municipal en Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de Postemirón claman contra o desafiuzamento dunha familia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PSOE esixe que Patrimonio emita "de forma inmediata" o informe necesario para o PXOM de Vilaboa
Por Redacción |
-
Vilaboa ante a aprobación da Lei de Costas: "estamos discriminados e non se nos soluciona o problema"
Por Natalia Puga |