Non é un botellón, son sumilleres alemáns
Por Oskar Viéitez
O Pazo de Mugartegui acolleu este luns a cata de oito sumilleres alemáns, procedentes de diferentes cidades, que visitan estes días a Denominación de Orixe Rías Baixas.
A xuventude destes profesionais chamou a atención durante a súa estanza en Pontevedra ao igual que aconteceu durante o seu percorrido polas diferentes subzonas no que tiveron a oportunidade de coñecer algunhas adegas e viñedos do Salnés, así como aos enólogos e bodegueiros da Denominación de Orixe. A sumiller e membro do Consello de Unión de Sumilleres, Verena Herzog, destacou que "son viños frescos con acidez. Perfectos para beber en verán e para acompañar con peixes".
Segundo os datos do exercicio 2014 Alemaña é o terceiro país que importa os viños de Rías Baixas, o certo é que estes viños se encontran especialmente en restaurantes dunha, dúas ou tres estrelas e en tendas especializadas. Pero a sumiller do Consello da Unión de Sumilleres "espera que a partir dos próximos tres anos xa se encontre nos supermercados" asegurou.