Médicos e farmacéuticos de Pontevedra enfrontados pola vacinación antigripal
Por Redacción
O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra mostrou a súa oposición á proposta formulada polo Colexio de Farmacéuticos da provincia ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) coa intención de asinar un convenio para a posta en marcha dun programa de vacinación antigripal nas farmacias comunitarias.
Para o colectivo médico, a proposta de administración de vacinas nas farmacias conta coa posibilidade de que se produzan situacións de risco. O Colexio de Médicos, a través dun comunicado, indica que en ocasións se rexistran efectos adversos inmediatos que na maioría dos casos manifestan un cadro clínico leve. Non obstante, engaden, non son totalmente descartables situacións de maior gravidade que necesitan tratamento inmediato por profesionais médicos e enfermeiros, nun ámbito sanitario con soporte de urxencias.
O colexio que preside Luis Campos Villarino considera que, á vista da lexislación vixente, o convenio que se formula é totalmente contrario a dereito, xa que non ten en conta as competencias profesionais necesarias para administrar as vacinas que, xeralmente e no caso da gripe, se inxectan por vía intramuscular. Do mesmo xeito, os profesionais das oficinas de farmacia tampouco poden proceder a indicar, dispensar e administrar por se mesmos as devanditas vacinas.