Unha espectacular persecución polo centro de Cambados permite desenmascarar tres supostos ladróns
Por Redacción
Unha espectacular persecución polo centro de Cambados rematou na mañá deste xoves coa detención de tres persoas como presuntas responsables dun delito de roubo con forza nunha vivenda de Cambados e outro contra a seguridade vial por condución temeraria.
Unha patrulla de Seguridade Cidadá do posto principal de Cambados detectou a presenza dun turismo Opel Astra estacionado na vía pública cunha persoa dentro que, ao decatarse da presenza dos axentes, empezou a facer xestos enerxicamente cos brazos. Nese momento, dúas rapazas saltaron o muro que había preto dunha vivenda e subiron precipitadamente ao vehículo, arrancando a gran velocidade e obrigando os demais usuarios da vía a deterse para evitar unha colisión.
Os axentes fixéronlles sinais acústicas e sonoras para que detivesen o vehículo, pero o condutor fixo caso omiso e comezou unha fuxida de forma temeraria por distintas rúas da localidade na que saltou semáforos en vermello, circulou por dirección prohibida e non respectou os sinais de Ceda o Paso e Stop.
Finalmente, o Opel Astra foi interceptado pola Garda Civil ao entrar os fuxidos nunha rúa sen saída. Os tres ocupantes do vehículo foron detidos e trasladouse ao cuartel.
Cando xa estaban detidos, a Garda Civil recibiu unha denuncia por roubo con forza do propietario dunha vivenda que relatou que forzaran unha fiestra para entrar no seu domicilio e se apoderaran de 120 euros, diñeiro que foi recuperado aos detidos e entregado ao seu dono.
Os detidos son L.R., de 19 anos; M.B., de 20; e M.R., de 49, os tres con domicilio en Vilagarcía de Arousa e de nacionalidade croata. Todos carecen de antecedentes policiais e serán postos a disposición do Xulgado de Instrución 1 de Cambados. De momento, a Garda Civil continúa as investigacións e non descarta que se lle atribúan máis delitos.