Abre o prazo para solicitar un permiso para as fogueiras de San Xoán
Por Redacción
Xa está aberto o prazo para poder facer unha fogueira na tradicional noite de San Xoán. O Concello de Pontevedra recibirá as solicitudes ata o próximo 19 de xuño ás 13.00 horas. Hai que presentalas no Rexistro Xeral do edificio administrativo da rúa Michelena 30.
Nesa solicitude, entre outras cuestións, terán que constar todos os datos da persoa responsable da fogueira e asinar un compromiso de dispoñer dun teléfono móbil en pleno funcionamento e ter a man os números do Servizo Municipal de Extinción de Incendios (080), Policía local (092) e Protección Civil (986 87 11 88).
As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros aos edificios e ás árbores, o diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de dous metros e nunha área de diámetro similar ao pao central da fogueira non poderán concentrarse os asistentes á festa.
Os materiais a empregar na combustión serán: leña, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, botellas, materiais con PVC en xeral, e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera substancias explosivas.
Prohíbense ademais as fogueiras baixo os tendidos eléctricos ou telefónicos e a súa realización sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes, en xeral.
A organización terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos corpos da Policía Local ou Corpo de Bombeiros. Dende a Alcaldía, ademais de convidar a todos os veciños a que gocen da festa, tamén os insta a que cumpran estas instrucións que garanten a protección e seguridade das persoas que participen nela.
Relacionadas:
-
Alcohol, condución e lume, precaución en San Xoán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os concellos van preparándose para as cachadas de San Xoán
Por Redacción |