Seis detidos e dous imputados por un roubo con porra e puñazos do que se levaron unha Playstation
Por Redacción
A Garda Civil detivo seis veciños de Sanxenxo e imputou a dous máis pola súa relación cun roubo con violencia e intimidación nunha vivenda da localidade da que finalmente se levaron unha videoconsola Playstation.
Segundo informou a Garda Civil, os detidos son FA.R.B., de 20 anos; D.P.M., de 20; M.O.M., de 20; JM.B.P., de 26; M.C.I., de 20; e A.F.M., de 18. Os imputados son C.R.V. e A.B.R., de 20 e 21 anos e tamén veciños de Sanxenxo. Todos carecen de antecedentes.
Os feitos que se lle atribúen aconteceron o 2 de xuño. Dous veciños de Sanxenxo denunciaron no posto da Garda Civil que esa mesma tarde cinco persoas entraron na súa casa cunha porra e agredíronlles e deron puñazos esixíndolles diñeiro por unhas plantas de marihuana que dicían que lles roubaran.
Despois dun tempo dentro da vivenda sen conseguir o que buscaban, abandonaron o domicilio levándose unha Playstation 4. Cando marcharon, as vítimas presentaron denuncia e a Garda Civil abriu unha investigación que derivou na súa detención e imputación. Todos quedaron en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 1 de Cambados cando sexan requiridos.