Detido un falso revisor de Fenosa por furtos en catro vivendas de Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un home que se facía pasar por un revisor da compañía eléctrica Gas Natural Fenosa para entrar nos domicilios dos pontevedreses e furtar distinto tipo de obxectos. Púidose estipular que actuou en polo menos catro vivendas do centro de Pontevedra.
Segundo informou a Policía Nacional, o detido é un veciño de Pontevedra con antecedentes policiais ao que se atribúe tres delitos e unha falta de furto. Foi arrestado sobre as 9.10 horas deste mércores 3 de xuño e, tras prestar declaración, quedou en liberdade.
En todos os casos esclarecidos o home se presentaba nun domicilio particular, identificábase como revisor coa intención de realizar unha inspección da instalación eléctrica e mesmo acreditaba a súa identidade cun carné dunha empresa relacionada co gas.
Con este método, o 24 de febreiro visitou un domicilio provisto dun desaparafusador, revisou os enchufes e despois solicitoulle á propietaria o contrato, para o que ela abriu a caixa forte. Nese momento subtraeulle varias xoias, pero a muller non se decatou ata que este individuo abandonou a vivenda. Ademais, subtraeulle 20 euros que tiña nun bolso dentro do armario.
En abril subtraeu 360 euros e varias xoias depositadas nunha mesa de noite noutras vivenda e o 15 de maio acudiu a outro edificio no que deixou dúas vítimas, a unha levoulle xoias de gran valor e a outra un sobre con 100 euros.
Dende a Comisaría Provincial de Pontevedra aproveitan para advertir á poboación deste tipo de estafas e recomendar aos cidadáns que comproben antes de aboar algunha cantidade a verdadeira identidade dos supostos técnicos e que non deixen acceder ao interior da súa vivenda a ninguén sen ter o absoluto convencemento de que se trata dun verdadeiro técnico.