Posta a punto das catro fontes de ferro fundido do centro histórico
Por Alejandro Espiño
En Santa María e nas prazas de Curros Enríquez, a Peregrina e a Verdura consérvanse as catro fontes de ferro fundido que hai no centro histórico de Pontevedra. Todas elas pasarán por unha exhaustiva posta a punto.
A situada en Curros Enríquez foi a primeira na que comezaron a traballar os operarios de Toxos Outos, unha empresa de Poio especializada en recuperación do patrimonio histórico.
Levarán a cabo tarefas de conservación, mantemento e reparación destas catro fontes de ferro. Consistirán en reparar "partes que están rotas ou en mal estado", sinalou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará.
O edil explicou que, máis alá desta conservación, se recuperarán pezas que faltan ou foron obxecto dalgún acto vandálico, ou se arranxarán pequenos problemas de fontanaría.
Ademais, o Concello encargou tamén que se volvan pintar para que ofrezan un "perfecto estado" tanto estético como de funcionamento.
Estes traballos, que segundo Bará "rematarán en pouco tempo", contan cun presuposto de 12.600 euros.