Belas Artes obtén un premio polo deseño dun vestido intelixente que pode medir a contaminación
Por Oskar Viéitez
O proxecto chámase Enviroment Dress, e trátase de crear unha prenda que sexa capaz de achegar a quen a vista unha información sobre os niveis de dióxido de carbono, ruído ambiental, contaminación lumínica, humidade ou presión atmosférica.
Esta é a idea coa que a investigadora da Facultade de Belas Artes, María Castellanos, e o profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, Alberto Valverde, veñen de converterse nos gañadores de Next Things 2015, o "desafío global de arte e tecnoloxía" que promoven Telefónica I+D e o LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón.
Despois de que a súa proposta fose a seleccionada polo xurado de entre as 39 presentadas desde diferentes partes do mundo, estes dous investigadores traballarán nos próximos seis meses no deseño dunha prenda capaz de medir a contaminación.
Castellanos e Valverde proxectan deseñar un traxe "que vai ser estético, visualmente atractivo, pero funcional", un vestido intelixente e aberto a todo o mundo.