Evacúan tres persoas intoxicadas nun incendio en Lérez
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/dff/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5553809979-20150513-patxot-incendio-juan-bautista-andrade-005.jpg)
© Mónica Patxot
Os servizos de emerxencia tiveron que evacuar este mércores tres persoas a consecuencia do fume inhalado no incendio declarado na súa vivenda da rúa Juan Bautista Andrade, no ámbito de Pasarón e a parroquia de Lérez. Trátase de dous adultos e un neno de curta idade.
Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, o incendio declarouse pouco antes das 12.25 horas nunha vivenda do cuarto piso na que neses momentos había tres moradores. Por motivos que se descoñecen, empezou a arder un sofá situado no salón.
O lume esnaquizou o sofá, pero as chamas non chegaron a afectar ao resto do salón nin a vivenda. Si que se expandiu o fume, de tal forma que se propagou a todo o inmoble e foi necesario ventilalo antes de permitir o acceso.
O incendio requiriu a intervención de efectivos do Corpo de Bombeiros, a Policía Local e o 061. Os servizos sanitarios evacuaron os tres habitantes da casa e trasladáronos a un centro hospitalario mentres os policías garantían a seguridade da zona e os bombeiros ventilaban a casa. A intervención deuse por finalizada pouco antes das 14.00 horas.
O aviso do lume deuno un viandante que viu saír fume pola fiestra do cuarto anda e, pediu axuda ao persoal do 112 Galicia despois de escoitar berros de auxilio.
Incendio con tres evacuados en Juan Bautista Andrade
© Mónica Patxot