Cinco anos e medio de cárcere por agredir brutalmente o veciño que se queixou porque facía ruído
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a unha pena de cinco anos e medio de prisión a Diego L. C., pola "brutal agresión" que propinou ao veciño que lle chamara a atención polo ruído que facía polas noites.
A sentenza do Tribunal provincial impón en concepto de responsabilidade civil unha indemnización de 38.613 euros á vítima polas graves lesións causadas.
Os maxistrados pontevedreses non deron crédito á version exculpatoria do acusado.
O fallo xudicial declara como feitos probados que o acusado, residente en Ponteareas, Diego L. C., sobre as 17 horas do 16 de febreiro de 2010 encontrouse o relanzo da escaleira do edificio co seu veciño quen lle recriminou ao acusado que este fixese ruído polas noites, ao que o acusado "de forma sorpresiva e sen mediar palabra" lle tapou a cara coa chaqueta impedindolle que puidera defenderse e propinoulle puñazos na cara provocando que este perdese o coñecemento e que caese ao chan, "onde o seguiu golpeando reiteradamente malia o estado de inconsciencia en que se encontraba" a vítima.
Ao agredido quedáronlle secuelas físicas e psicolóxicas, estas últimas ao ver como lle quedara a cara.