Rematan as obras de mellora do vial entre Xustáns e Rañadoiro
Por Oskar Viéitez
Por fin concluíron as obras de pavimentación do vial entre Xustáns e O Rañadoiro.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a zona en compañía do Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Esta actuación enmarcouse no convenio correspondente ao Plan Estratéxico e Infraestruturas no medio Rural (PEIM), asinado polo alcalde coa Conselleira de Medio Rural e Mar o pasado mes de xullo.
O Concello tivo que aportar 20.000 euros e 52.000 o PEIM.
Este convenio contemplou a mellora do vial que une a zona coñecida como Cruz do Brasil, na parroquia de Xustáns co límite do municipio de Pontevedra.
Desta forma completouse a mellora deste vial que comunica a estrada de Xustáns co municipio de Pontevedra no lugar de Rañadoiro.
Tratábase dun vial moi deteriorado porque a localización na zona de varias canteiras, co paso de camións de gran tonelaxe, deteriorou gravemente a zona.
Hai que ter en conta que o tramo deste vial que discorre dentro do término municipal de Ponte Caldelas ten unha lonxitude de 2,5 km, o que supoñía un importante custo que o Concello non podía asumir dunha vez. Por iso a idea do alcalde foi afrontar a reforma dese vial por fases incluíndoas en distintos plans de obras.