Detido por terceira vez nun mes por roubar cable do alumeado público
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un home de 38 anos foi detido por terceira vez nun mes por presuntamente roubar cable da iluminación pública. Neste caso, atribúeselle a subtracción de material da parroquia de Campañó, delito que tería cometido cun cómplice tamén detido en varios escenarios distintos: a zona do cemiterio e a igrexa e o campo da festa do lugar de Cabaleiro.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, o primeiro aviso recibírono sobre as 9.30 horas do 24 de abril. Responsables da comunidade de montes da parroquia relataron aos axentes que alguén accedera a unha caseta situada no recinto do campo de fútbol e roubado cable eléctrico. Para acceder a este, o autor do roubo tivo que saltar un valo e posteriormente romper o fecho do baixo, de modo que causou danos nas instalacións.
Os comuneros denunciaron o roubo e os danos e achegaron aos axentes da Policía Local unha testemuña que o día anterior, sobre as 17.00 horas, presenciou como un individuo accedeu ao recinto valado e, á saída, chamaba por teléfono. A muller achegoulles a descrición física do presunto ladrón e contoulles que, pouco despois, acudiu a recollelo unha segunda persoa a bordo dun turismo Alfa Romeo e ambos os dous abandonaron o lugar.
Ese mesmo día 24, sobre as 14.30 horas, varios traballadores alertaron a Policía Local da presenza dunha persoa que estaba a roubar cable de cobre da iluminación do ámbito do cemiterio e a igrexa da mesma parroquia. Cando os axentes chegaron ao lugar, relatáronlle que unha persoa cuxa descrición física coincidía co autor do roubo do dia anterior se adentrara nunha zona boscosa próxima.
A Policía Local estableceu un dispositivo de busca polas inmediacións para localizar o suposto ladrón, pero non lograron localizalo. Si encontraron entre unhas matogueiras o cable que fora subtraído dentro dun saco de cor branca.
Pouco despois, varias patrullas policiais que reforzaran a vixilancia viron que un turismo Alfa Romeo se achegaba á zona na que apareceu o cable tirado, de modo que procederon á identificación dos dous homes que ían no interior como presuntos autores de ambos os dous roubos. O condutor era un mozo de 30 anos e o acompañante un home de 38 que a principios de abril xa fora detido por roubar cableado do barrio de Monte Porreiro e da avenida de Compostela.