Denuncian graves desperfectos no edificio destinado ao Centro de Día de Cuntis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O edificio do Centro de Día de Cuntis, situado en Portodegómez, encóntrase nunha situación totalmente deteriorado, segundo denuncia o PSOE de Cuntis. Este centro encóntrase exposto á acción dos vándalos e os ladróns, afirman os socialistas, cando se investiran en 2008 máis de 860.000 euros na súa construción.
O candidato á alcaldía do PSOE, Manuel Campos, asegura que o peche perimetral de madeira rompeu en dous puntos ao igual que unha das portas de entrada ao inmoble. Desta forma, calquera pode acceder sen dificultade ao interior. Nas instalacións, denuncia o PSOE, a auga encóntrase anegando varios espazos e no chan esparéxense taboleiros e cartóns. Sinalan que nalgúns cuartos do edificio se caeu o falso teito e o patio interior encóntrase invadido pola maleza. Mesmo, de xeito anecdótico, Manuel Campos asegura que dende o exterior xa se pode ver o currículo que unha veciña da Estrada enviou ao centro en busca de traballo.
Campos define como unha barbaridade que se estea a tirar así o diñeiro público e engade que o día que se queira abrir haberá que realizar un importante investimento para poñer este centro, con capacidade para catro persoas, a punto. Por este motivo critica o desleixo do actual goberno municipal e apunta a que a principal traba para a súa posta en funcionamento é a falta de servizos ao carecer de saneamento e de acometida eléctrica.