3.413 persoas gozarán de balnearios da provincia a prezos reducidos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 3.413 persoas solicitaron a súa participación no programa Saúde e Benestar 2015 da Deputación de Pontevedra que busca ofertar os veciños da provincia a oportunidade de gozar de 6 días e de 5 noites en establecementos termais da provincia a prezos reducidos.
Presentáronse 413 solicitudes máis que o total de prazas ofertadas inicialmente, pero as bases xa recollían a posibilidade de ampliar o presuposto para dar cobertura a todos os demandantes. O programa diríxese a persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou persoas que precisen dun respiro familiar. O obxectivo que se busca é fomentar o envellecemento activo e ofrecer oportunidades de descanso e de ocio a un prezo alcanzable. Ademais, preténdese dinamizar o sector turístico facilitando a actividade económica.
Os servizos que se ofrecen son de spa e de balneario cun amplo abano de actividades de animación sociocultural. Ao mesmo tempo, dispoñerán de transporte dende o concello de residencia ata o establecemento que seleccione.
As prazas ofertadas distribúense entre sete establecementos: o Gran Talaso; Spa Carlos I; Spa Galatea, todos eles de Sanxenxo; o Talaso Louxo da Toxa; Talaso Atlántico de Oia; Spa Vía ARgentum de Silleda e Novo Astur de Vilalonga.