Sanxenxo, Ribadumia, Vilaboa e Caldas solicitan axudas básicas de emerxencia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra aprobou conceder, nunha segunda relación de 13 concellos, unha cantidade de 93.000 euros para que poidan afrontar axudas básicas de emerxencia. Entre eles figuran os municipios de Sanxenxo, Ribadumia, Vilaboa e Caldas.
Na pasada xunta de goberno, celebrada o 17 de abril, a institución provincial xa aprobou outros 259.000 euros para unha primeira relación de 38 concellos de menos de 20.000 habitantes.
Tanto nun caso como no outro, as axudas son para cubrir demandas de carácter urxente e puntual de persoas en risco de exclusión social, con especial atención ás familias con menores ó seu cargo.
As axudas van de 5.500 a 8.500 euros e teñen en conta criterios como a poboación ou a tasa de paro. No ano 2014, estas axudas permitiron atender a 1.800 familias de concellos menores de 20.000 habitantes da provincia.
No reparto destes fondos, teñen prioridade as axudas destinadas a alimentación, farmacia, vivenda, ou a infancia, entre os principais criterios.