Os traballadores das empresas auxiliares de Movistar manteñen a folga
Por Redacción
Os traballadores da empresa Liteyca en Pontevedra ao igual que o resto de auxiliares de Movistar levan dende o 14 de abril en folga para reclamar mellores condicións laborais. Denuncian que para evitar despedimentos teñen que traballar xornadas de máis de dez horas diarias e culpan a Telefónica de establecer un sistema de puntos que obriga as empresas auxiliares a asumir gastos que rematan repercutindo nos empregados.
Santiago Pazos, voceiro dos traballadores en Pontevedra, sinalaba que "Movistar ten moito poder e quen o está a sufrir somos nós" e apunta que hai clientes que levan 15 días sen servizo e a empresa telefónica evita explicar as causas polas que non se están a atender estas deficiencias.
Dende o punto de vista laboral, os empregados indican que se está a incumprir o convenio con prácticas abusivas e condicións que non poden seguir soportando. E así afirman que se ven obrigados a traballar dúas ou tres fins de semana ao mes sen posibilidade de librar nos días seguintes. Ademais, sinalan que hai operarios asumindo traballos que non lles corresponden e realizando actividades en altura e realizando longos recorrido sós en vehículos, cando non lles corresponde.
Na primeira mesa de negociación mantida este mércores 29 apenas rexistráronse avances e esperan que nunha nova reunión durante a próxima semana se vaian achegando as posturas.