Traballadores de subcontratas de Telefónica inician unha folga para denunciar condicións laborais abusivas
Por Redacción
Un grupo de traballadores das empresas subcontratadas de Telefónica-Movistar concentráronse ás 8.00 horas deste mércores 15 de abril ante as instalacións da entidade na rúa Joaquín Costa dentro dos actos de protesta que van levar a cabo dende que este martes iniciaron unha folga en toda Galicia reclamando o pagamento do salario legal establecido no convenio.
Trátase de máis de 2.000 traballadores en toda Galicia con ao redor de 70 empregados na bisbarra de Pontevedra, que dependen de Liteyca, auxiliar de Telefónica, encargados de realizar o traballo técnico de instalación de redes e de telefonía.
Segundo Jon Barturen, de CIG Industria, Telefónica establece "un sistema de remuneración ilícito" que obriga os traballadores a acometer xornadas, de luns a sábado, de ata 12 horas diarias para poder cobrar o salario establecido. Ademais, teñen que desprazarse por toda a provincia, véndose obrigados a pagar do seu peto os gastos de comida e de gasóleo.
Afirman que as empresas subcontratadas realizan "trampas" para descontarlles diñeiro do salario como é o caso de anticipos que nunca chegan a cobrar. Ademais sinalan que cando os traballadores non alcanzan a produción mínima, por culpa dos desprazamentos ou das múltiples avarías, se lles descontan cantidades nas nóminas dos meses seguintes.
A través de CIG Industria culpan a Telefónica da explotación deste persoal, a pesar dos 4.000 millóns de euros de beneficios que esta empresa obtivo durante 2014.
Alertan de que a folga afectará aos clientes de servizos de Telefónica e de Movistar, pero os representantes sindicais sinalan que se encontran nunha situación insostible.