A Deputación de Pontevedra quere quedar co convento de Santa Clara
Por Oskar Viéitez
Dende hai algo máis de dous anos, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, negocia coa congregación das Clarisas para que o convento de Santa Clara pase mans da institución provincial.
Segundo desvelou o propio Louzán en rolda de prensa, a súa "preocupación polo patrimonio da cidade" mantivo unha serie de reunións de carácter "moi privado" con esta comunidade contemplativa para falar do futuro do templo, os edificios anexos e o grande horto amurallado.
Estas negociacións estiveron "a moi pouco" de culminar cun acordo favorable á Deputación pero finalmente a presidenta da Confederación de Mosteiros de Vida Contemplativa do Norte de España, á que pertence o mosteiro e o Arcebispado de Santiago, tomaron a decisión de que as clarisas permanezan nel e ampliar a súa comunidade de clausura en Pontevedra.
Serían varias monxas procedentes doutras cidades, segundo confirmaron fontes oficiais do a Archidiócese de Santiago, sen precisar o número de sores que se incorporará.
Non obstante, esta aposta pola continuidade do cenobio pontevedrés ten dous condicionantes como son a crise de vocacións que sofre a Igrexa e a "precaria situación" na que se encontra o edificio e que segundo Louzán "non son as condicións máis axeitadas para vivir. Son moi difíciles".
Louzán: "como nunca me canso, seguirei aí intentándoo"
"Sigo sen perder a esperanza de que este patrimonio poda recalar na Deputación", confesou Louzán, "como nunca me canso, seguirei aí intentándoo".
Dende a congregación relixiosa descartan "especular urbanisticamente" con estes inmobles e confían na Administración provincial como principal receptor deste patrimonio xa que aseguraría que o convento teña un "uso público" xa que "sairíamos gañando todos".
Neste sentido, Louzán non avanzou o uso final que se lle quere dar. "O primeiro sería a rehabilitación integral do edificio e do templo. Despois os usos serían unha cuestión secundaria. É patrimonio de todos os pontevedreses ainda que hoxe a titularidade é da congregación e do arzobispado".
Construída na segunda metade do século XIV, é de estilo gótico, con reformas posteriores. Conta cun importante conxunto de retablos barrocos.
EDIFICIO SAN FRANCISCO
Rafael Louzán tamén negocia a cesión doutro edificio, igualmente vinculado á Igrexa, trátase do Edificio de San Francisco, antiga delegación de Facenda.
Os últimos contactos cos responsables deste Ministerio ofrecen polo momento poucos avances xa que son moitas as peticións similares que existen en toda España e dende o Goberno evitan que coa cesión do inmoble pontevedrés se creen precedentes.
Rafael Louzán preme con dúas importantes bazas: o edificio xa foi sede da Deputación de Pontevedra e o acordo de cesión leva vinculado un plan de rehabilitación integral e o seu destino a usos museísticos.