Os sindicatos arremeten contra o xefe de Inspección de Traballo de Pontevedra: "Protexe as grandes empresas"
Por Redacción
Os sindicatos UGT e CC.OO. mostraron a súa preocupación polo escaso control das empresas que realiza a Inspección de Traballo en Pontevedra e José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de Comisións Obreiras, culpou desta situación ao xefe deste servizo,José María Casas de Ron.
Segundo García Pedrosa, o xefe de Inspección de Traballo converteuse nun problema porque "intervén nun sentido negativo" para os traballadores ao protexer as grandes empresas. "Cando presentamos denuncias de grandes empresas, hai ocasións en que non se presenta informe e non se actúa. ÿ un auténtico desastre", sinalaba o máximo dirixente local de CC.OO. que incidía en que Casas de Ron se pon en contacto, en caso de denuncias, coa empresa pero non cos traballadores nin cos delegados. "Parece que nos toman por tontos", insistiu García Pedrosa.
Pola súa banda, Ramón Vidal sinalou que continúan rexistrándose elevadas cifras de accidentes laborais nas Rías Baixas derivados tamén da falta de control por parte da Inspección de Traballo que, segundo apuntou, cada vez conta con menos efectivos.
O secretario comarcal de UGT denunciou que segundo datos facilitados por Fiscalía algunhas empresas manipulan os sistemas de seguridade das máquinas para incrementar a produción o que remata por provocar accidentes que, nalgúns casos, provocan amputacións de membros aos traballadores.
Ademais, ambos os dous dirixentes sindicais incidiron na necesidade dunha delegación da Inspección de Traballo na capital da provincia para facilitar as consultas ou a presentación das denuncias por parte dos traballadores do ámbito do concello pontevedrés.