Cuntis quere declarar Ben de Interese Cultural o seu conxunto histórico termal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Cuntis remitirá o próximo luns á Xunta de Galicia o documento base de incoación como Ben de Interese Cultural do conxunto histórico termal de Cuntis.
O documento cuxa entrega definitiva fixo entrada no Concello este xoves foi elaborado pola empresa Crecente asociados sendo o equipo redactor Juan Mario Crecente Maseda, Silvia González Soutelo e Manuel Vilar Álvarez entre outros. ÿ a primeira vez que o Concello de Cuntis realiza un encargo deste tipo e para iso reservou máis de doce mil euros do seu presuposto.
A importancia da declaración da vila de Cuntis como conxunto histórico termal é posta de manifesto no documento de referencia no cal a través dun exhaustivo e rigoroso estudo se conclúe que son numerosas as cualidades que a vila posúe para alcanzar tal declaración.
Por esta mesma razón Crecente asociados decidiron nomear o proxecto "Cunctis" en clara referencia ao topónimo que probablemente deu lugar ao actual Cuntis e que se basearía na existencia dunha gran piscina pública termal. Cabe sinalar que o significado de Cunctis sería "Todos xuntos".
Pero non só á riqueza dos mananciais termais fai referencia o estudo se non que tamén alude ao importante patrimonio que a vila conserva na actualidade. Así, propón unha zona que se podería denominar arqueolóxica resgardada por unha zona moito máis ampla de protección natural.
Ao mesmo tempo que se envía á Xunta de Galicia para o seu estudo enviarán unha copia a todos os grupos con representación parlamentaria.
O xoves 7 de maio ás sete da tarde terá lugar unha reunión dos voceiros municipais co equipo redactor.