Ponte Caldelas convértese na capital galega do seis dobre
Por Redacción
Máis de medio centenar de parellas de toda Galicia danse cita este sábado 25 de abril para disputar o VI Torneo Open de Dominó Concello de Ponte Caldelas que organiza a Asociación Cultural Recreativa Verdugo e a Federación Galega de Dominó e que acolle a Discoteca Mica.
O torneo dispútase na modalidade de parellas e por equipos sendo, na primeira das categorías, o primeiro premio 200 euros e trofeo para os gañadores; os segundos clasificados recibirán 100 euros e un trofeo; os terceiros, 70 euros e un trofeo.
En canto á clasificación por equipos, o primeiro levarase 300 euros, o segundo 200 e o terceiro, 100 euros, respectivamente.
O torneo dispútase polo sistema de primeira rolda a sorteo e as seis seguintes polo coñecido como sistema suízo, coa regulamentación vixente da Federación Española de Dominó, que establece un tempo máximo de duración de 55 minutos ou 350 puntos.
As partidas serán disputadas en aberto o que significa que o público pode achegarse e mirar as partidas, mantendo un silencio absoluto e as elementais normas de civismo e educación que cabe esperar nun evento destas características.