Medio Ambiente inspecciona á empresa concesionaria dos labores de limpeza e recollida de residuos en Sanxenxo
Por Redacción
"Dende a Administración local debemos velar porque ás empresas contratadas para prestar servizos aos veciños e veciñas cumpran coas esixencias fixadas no prego de condicións que rexeron a licitación da prestación", explicou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez.
Este foi o motivo polo que o edil realizou unha inspección, xunto coa Policía Local adscrita ao departamento que dirixe, ás instalacións da empresa concesionaria da recollida de residuos e a limpeza viaria no municipio, ao entender que "é moi doado gañar os concursos pero despois debemos garantir o seu cumprimento".
A intención do edil foi a de comprobar in situ que a firma Ascan utiliza os materiais e os vehículos recollidos no contrato subscrito co Concello de Sanxenxo e que están destinados a "ofrecer un servizo de calidade que de resposta ás necesidades dun municipio que presenta unhas características especiais ao tratarse dun destino turístico de primeira orde", recordou Rodríguez Lorenzo.
Precisamente, para o concelleiro de Medio Ambiente, "a condición eminentemente vacacional de Sanxenxo obriga á Administración local a levar un maior control, se cabe, dos servizos dada a necesidade de ofrecer unha imaxe acorde co seu posicionamento como destino turístico".
José Luis Rodríguez supervisou, pois, que Ascan dispón do material acordado sumando vinte unidades, entre camións, furgonetas e vehículos especiais. Ademais, o edil contrastou que a empresa utiliza tamén dous hidro-limpadoras, tres rozadoras e dúas sopradoras de alta presión.
Tal e como recordou o concelleiro, "é a terceira inspección que facemos a Ascan dende que se encarga da recollida de lixo e limpeza viaria dentro da aposta deste Goberno pola calidade e a excelencia e podemos constatar a considerable mellora no servizo nestes últimos anos".