Pillan un veciño de Bora disparando aos farois cunha escopeta de aire comprimido
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Local debe enfrontarse, de cando en vez, a sucesos do máis particular. Como o que tiveron que atender o pasado mércores 15 de abril no lugar de Salgueiral (Bora), preto da Casa da Cultura da parroquia.
Recibíranse denuncias que aseguraban que un veciño da zona estaba a disparar contra as lámpadas dos farois cunha escopeta de aire comprimido.
Cando os axentes chegaron ao lugar, sobre as 21.25 horas, o autor dos disparos regresara á súa casa. Encontráronse con tres tulipas rotas e diversos impactos de balote nas carcasas metálicas dos farois, que presentaban numerosos danos.
Tras consultar cos veciños, a Policía Local puido identificar un mozo de 23 anos como o autor dos disparos. Os axentes instruíron un atestado por unha presunta falta de danos, tras valorar en 254 euros os estragos causados.
RESCATE DUN CAN NA ILLA DAS ESCULTURAS
Ademais, outra patrulla da Policía Local acudiu o pasado domingo 19 de abril ata a Illa das Esculturas. Ao parecer, un can pequeno e con arnés encontrábase no medio da lama do río e non podía saír. Os axentes localizaron o animal preto da gardaría infantil do campus, asustado, metido na auga e debaixo dunhas árbores.
Un dos policías baixou ata a zona onde se encontraba o can e procedeu ao seu rescate. Co lector do microchip, puideron localizar a súa propietaria, unha veciña de Pontevedra que afirmou que o animal se escapara de casa esa mesma mañá.