Deteñen dúas persoas por traficar con cocaína nos arredores da Praza de Abastos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo dúas persoas que están relacionadas, segundo as súas investigacións, co tráfico de drogas. Ambas foron descubertas nunha transacción que se realizou na avenida de Bos Aires, na parte traseira da Praza de Abastos.
O operativo desenvolveuse o pasado sábado 18 de abril contra as cinco e media da tarde. Unha patrulla da Policía Local, que estaba en labores de vixilancia, observou como no interior dun vehículo na Avenida de Bos Aires estaba unha persoa coñecida polas autoridades por intervencións relacionadas co consumo e o tráfico de estupefacientes e que estaba a manipular un teléfono móbil.
Tras un tempo, os axentes comprobaron que se achegou ata o coche outra persoa, coñecida tamén por las mesmas circunstancias, e que accedeu ao seu interior e ambos intercambiaron unha pequena bolsa por cartos.
Posteriormente, lograron interceptar ao receptor da pequena bolsa -o condutor do vehículo- e, tras un rexistro os axentes atoparon un pequeno envoltorio de plástico no que había dez gramos de cocaína, recoñecendo que pagara 300 euros polos dez gramos.
Ante os feitos, os axentes procederon a detención desta persoa, un home de 31 anos de idade.
Posteriormente, os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon a detención do outro home, este de 49 anos de idade, por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas, concretamente cocaína.