ÿ tan caro o microchip coma o cabalo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un mozo de Moraña levarase para casa unha verdadeira ganga. Por 40 euros, ten un cabalo de cinco anos en perfecto estado para xuntar cos outros catro que xa garda na corte e que destina ás súas actividades de ocio e tempo libre. Será o equino máis económico que comprou ata agora, pero a conta final non será tan redonda como podería parecer inicialmente, pois tamén terá que pagar o microchip e, segundo as tarifas que se manexan na actualidade, o seu custo non baixa de 40 euros.
Samuel Piñeiro Castro resultou adxudicatario da poxa celebrada no edificio municipal da rúa Churruchaos de Pontevedra, na que se poñía a diposición dos cidadáns un equino localizado a principios de mes entre a zona da Xunqueira de Alba e a estrada de Vilagarcía.
O proceso resultou máis rápido e sinxelo do que esperaban Samuel e o grupo de amigos que lle acompañou á poxa. En apenas dous minutos rematara todo, pois el foi a única persoa que puxou pola res e, ante a ausencia de máis ofertas, o persoal da concellaría de Sanidade Animal de Pontevedra adxudicoulla directamente polo prezo de saída, 40 euros.
A pesar de que xa é o propietario do cabalo, aínda non o pode levar á casa, pois o proceso establecido polo Concello esixe que antes do traslado do animal debe proceder a poñerlle o microchip identificativo. De feito, el móstrase moi orgulloso do económico que lle saíu o animal, a pesar de que "hay que poñerle el chip" e é tan caro este sistema como o cabalo.
Unha vez que estea microchipado, recibirá os papeis que acreditan que o cabalo é seu. Segundo explicou este venres, xa ten outros catro e decidiuse a puxar na poxa polo prezo de partida do animal. "Nunca antes" adquirira un por este método e o máis barato que comprara ata agora custáralle 250 euros.
Ata que se produza a entrega final, o animal permanecerá custodiado polo Concello nun terreo privado no que está dende que a principios de mes apareceu pola zona das marismas da Xunqueira de Alba e, cando os axentes quixeron alcanzalo, botou a correr. Finalmente, foi atrapado coa colaboración dun condutor que baixou do seu coche na estrada de Vilagarcía e, como non tiña chip identificativo, non se puido localizar o seu dono.