Os socialistas pedirán no Parlamento a mellora da estrada PO-345 entre Ponte Caldelas e Cotobade
O mal estado da estrada que une Ponte Caldelas coa parroquia de Aguasantas do concello de Cotobade levou aos voceiros do PSdeG de ambas as dúas localidades a presentar unha moción para esixir explicacións de por que catro anos despois a promesa electoral dos alcaldes do PP, Perfecto Rodríguez e de Jorge Cubela, de arranxar a devandita vía.
Segundo o voceiro do PSdeG de Ponte Caldelas "catro anos despois seguimos igual, polo que o Grupo Socialista parlamentario en vista do pasotismo e indiferenza de Perfecto Rodríguez e de Jorge Cubela con este tema pese a ser un comprimiso electoral cos seus veciños, presentou emendas para os orzamentos da Xunta nesta lexislatura para que se contemplara esta mellora entendendo que é prioritaria, facendo o goberno da Xunta de Galicia caso omiso desta reivindicación".
A estrada que levou ao grupo socialista a esta iniciativa, a PO 234, é unha vía pola que circulan numerosos camións e autobuses escolares que se ven obrigados a invadir o carril contrario provocando sustos e accidentes. Son sete quilómetros cheos de curvas de tan só dous metros de ancho sen beiravía que atravesa o pobo de Laxoso, poñendo a integridade física de condutores e viandantes en constante perigo segundo o voceiro do PSdeG de Ponte Caldelas.
Os grupos socialistas de Ponte Caldelas e de Cotobade elevarán a iniciativa ao Parlamento de Galicia a través da deputada por Pontevedra Patricia Vilán, que visitou a estrada o pasado 10 de abril xunto aos candidatos á alcaldía de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e de Cotobade, Lina Garrido.
A deputada por Pontevedra presentará no Parlamento de Galicia unhas iniciativas para reactivar un anteproxecto do 2009 e que este se licite e adxudique. Este proxecto pretende mellorar e suavizar as curvas, ampliar a calzada ata os sete metros ademais dun camiño peonil nun lateral do pobo de Laxoso para que os veciños non circulen pola estrada como fan actualmente. Tamén propoñerá que na partida xeral do presuposto para a mellora de estradas de titularidade autonómica se considere unha partida para adxudicar esta obra que no PSdeG consideran moi necesaria "posto que os accesos son fundamentais para evitar o despoboamento do rural e potenciar o seu crecemento".