A estudante de Publicidade Patricia Ricón é a primeira gañadora da Bolsa Avante
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Patricia Ricón, estudante de Publicidade e Relacións Públicas é a primeira gañadora da Bolsa Avante, despois de ser seleccionada de entre as seis alumnas que participaron nun concurso para atopar novos talentos e no que se decidía cal realizaría prácticas durante tres meses na axencia Avante Marketing & Medios.
Ela mesma recoñece esta ocasión como "unha grande oportunidade e como un recoñecemento ao esforzo que realizamos".
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e Avante puxeron en marcha neste 2015 esta bolsa, á que optou o alumnado con mellores expedientes na materia Planificación de Medios Publicitarios, que imparte Vicente Badenes.
Deste xeito, trátase de poñer en valor un campo de traballo que quizais no é o máis vistoso, pero que si está a ser bastante demandado no mundo profesional, como apuntou a decana do centro, Emma Torres.
Grazas as súas cualificacións na antedita materia o pasado curso María del Carmen Calvo, Celeste Sánchez, Iria Pérez, Zoe Calvo, Sonia Regueira e Patricia Ricón convertéronse nas seis candidatas a esta bolsa, que se decidiu nunha competición na que, en primeiro termo, deberon presentar un proxecto de plan de medios para unha campaña de refrescos, que posteriormente defenderon diante dun xurado composto por representantes da axencia e da facultade.