Destinan máis de 71.000 a repoñer as máquinas do ximnasio da piscina de Baltar
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anunciará nos próximos días a licitación do concurso dedicado a repoñer as máquinas do ximnasio situado na Piscina Municipal, situada en Baltar. A Administración local destinará unha contía que ascende a 71.932,75 euros a substituír un total de 32 elementos a estrear destinados á realización de exercicios de cardio, musculación e circuíto.
Concretamente, o Goberno local pretende instalar cinco novas cintas de correr, tres elípticas, seis bicicletas verticais, unha torre de catro estacións, un press vertical de peito e tríceps, un remo sentado, unha dominada e fondo con asistencia, unha máquina para a extensión de cuádriceps, outra para multicadeira, unha para femoral tombado, unha dobre polea axustable, un max rack, un banco olímpico horizontal, un banco press inclinado, outro multiposición e un máis Scott. As instalacións contarán tamén cun press de ombros e dorsais, outro vertical e de remo, un elemento para peitorais e deltoides e outro para sentadillas.
O contrato que pretende formalizar a Administración sanxenxina incluirá o transporte, montaxe e colocación das máquinas, así como o seu mantemento, tanto preventivo coma correctivo, o arranxo e reparación das avarías dos bens subministrados, incluídas pezas, man de obra e substitución en caso de que calquera ben desaparecese ou sufra un dano tal que a súa reparación sexa superior ao prezo de adquisición.
O prego de cláusulas administrativas que rexerán o concurso, aprobado xa polo Goberno local, especifica que a tramitación será ordinaria mediante un procedemento negociado.