O alcalde de Pontecesures nega as acusacións de malversación cualificando o seu xuízo de "político"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O alcalde de Pontecesures, o nacionalista Manuel Luis Álvarez Angueira, defendeu hoxe a súa inocencia nun xuízo que cualifica de "político" contra el e un empregado municipal, Xurxo Gerpe Jamardo, que se celebra na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra por un delito de malversación de fondos públicos ao ter utilizado supostamente diñeiro das arcas municipais para pagar 6.822 euros en facturas de gasolineiras e atribuír este consumo ao vehículo co que contaba o Concello para traballos na localidade durante catro anos, entre 2003 e 2006.
Ambos os dous procesados enfróntanse a unha petición da acusación particular de tres anos de prisión e dez de inhabilitación.
O xuízo arranca a raíz da interposición dunha denuncia no 2006, polo entón concelleiro da Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP), Luis Ángel Sabariz. O xulgado de Caldas arquivou o caso en tres ocasións pero a Audiencia de Pontevedra ordenou reabrilo.
Hoxe no xuízo o Fiscal insistiu en pedir a libre absolución dos acusados interesando o arquivo da causa "pola insuficiente acreditación ou xustificación do feito punible" ao entender que non existen nin probas nin indicios abondo que demostren a súa culpabilidade.
"Esa acusación non ten sentido lóxico ningún", asegurou o alcalde antes da vista, convencido de que "imos intentar demostrar a nosa inocencia porque evidentemente o somos. Hai unha persoa que se obcecou absolutamente comigo, hai unha persecución absoluta", manifestou.
Angueira mostrouse sorprendido ante a presenza de numerosos xornalistas para seguir o seu proceso, comentando que "merecemos un respecto, dende o punto de vista que parece que somos aquí uns grandes delincuentes".
Álvarez Angueira que non concorrerá como candidato do BNG nas eleccións municipais de maio, describiu ao xuízo como "un proceso político por parte dun concelleiro", aludindo ao edil, Luis Sabariz, que tampouco repetirá na corporación cesureña.
As desavinzas entre ambos os dous políticos, que foron socios de goberno, xorden a raíz de que Luis Sabariz se aliase co Partido Popular no ano 2006 para retirarlle o soldo a Angueira, ao que o BNG respondeu botando do goberno o independente. "Despois de que o cesase foi un absoluto acoso e derribo. Como non puido acabar comigo polas urnas foi aos xulgados", dixo hoxe o rexedor "tristemente é así", engadiu.
"Intentou emporcar a vida dunha persoa, aquí xa non é unha cuestión política, é familiar, é persoal e levo oito anos de desgaste persoal con isto, non como alcalde", declarou Angueira ás portas do Pazo de Xustiza de Pontevedra.
Durante o xuízo, celebrado con xurado, o letrado que exerce a defensa de Angueira repetiu estes argumentos insistindo que o seu cliente se senta no banco "unicamente por unha cuestión política".
Pola súa banda Álvarez Angueira respondeu ao longo interrogatorio formulado polo avogado da acusación particular xustificando a non correspondencia entre a quilometraxe e o "consumo excesivo ou abusivo" dun vehículo Nissan Patrol adscrito ao servizo municipal de obras indicando que o exceso de combustible facturado era para surtir con garrafas a diversa maquinaria municipal como un tractor, un dumper, rozadoras, ou un "chimpín".
Segundo o alcalde, nin a secretería do concello nin os servizos técnicos municipais puxeron nunca reparos a esta práctica que xa se levaba a cabo dende moito antes da cal el chegase ao concello. No mesmo sentido se explicou o entón encargado de Obras deste municipio pontevedrés, cuxa firma aparece nos recibos de combustible nos que se observan as supostas irregularidades.
A acusación particular insistiu en que durante un determinado período de tempo se seguiu facturando a matrícula deste Nissan Patrol aínda que se encontraba estragado e insistiu en que a capacidade do depósito deste vehículo non se correspondía coas cantidades dispensadas pola gasolineira. Tamén preguntou por dúas repostaxes concretas realizadas na tarde de fin de ano de 2005 e no sábado posterior ao día de Reis.
"Fixéronse as cousas sempre para o concello de Pontecesures", respondeu o alcalde que rematou asegurando a súa declaración que "para nada" se beneficiou persoalmente de ningún destes cargos de combustible.
Ademais das testemuñas da acusación e a defensa, a Sala atenderá as explicacións de dúas peritaxes durante os dous días que está previsto que dure a vista oral.
"Dende logo nós temos a conciencia tranquila, pero ben, nunca se sabe, entras ben pero saír non sabes como sales", dixo o rexedor aos xornalistas. "Haberá que esperar a que pasen estes dous días e a partir de aí, o que Deus queira, como din por aí," concluíu.