Unha unidade de atención temperá, novo servizo para nenos con problemas neurolóxicos na Merced
Por Redacción
O Grupo Hospitales Miguel Domínguez acaba de poñer en marcha no Centro de Dano Cerebral e Neurociencias de Poio unha Unidade de Atención Temperá para tratar nenos e adolescentes con algunha disfunción neurolóxica.
O novo servizo, centrado na rehabilitación e fisioterapia do desenvolvemento dende os 0 aos 18 anos, aplica terapias aos pacientes con problemas na función motora e nas relacionadas, como a respiración, a alimentación, o endereitamento e a locomoción, a manipulación de obxectos, e a linguaxe e a comunicación, entre outras.
Un equipo de especialistas faise cargo dos tratamentos de rehabilitación infantil, incluíndo fisioterapia, terapia ocupacional, psicomotricidade, terapia orofacial ou logoterapia.
Todo iso co obxectivo de conseguir a maior independencia funcional posible do neno e fomentar a súa participación no seu ámbito, ademais de previr, reducir ou compensar as limitacións motoras e funcionais dos pequenos, mediante prótese ou órtese, por exemplo.
Tal e como explica a médica rehabilitadora do centro, a doutora Lucía Camino, "na rehabilitación infantil realízase un tratamento e seguimento próximo desas alteracións que afectan ao neno durante todo o proceso do seu desenvolvemento, dende bebés á adolescencia, así como unha prevención de alteracións en casos de risco".
Ademais, incide na necesidade de colaborar estreitamente co resto de profesionais que interveñen no desenvolvemento do paciente, como profesores ou coidadores.
Entre as patoloxías ou pacientes potenciais que se poden beneficiar da rehabilitación infantil (0-18 anos) encóntranse os recén nacidos en situación de alto risco de alteracións neurolóxicas (prematuros); os nenos con problemas de "neurodesenvolvemento" que provocan problemas motores (parálise cerebral infantil, TCE, síndromes xenéticas ou malformativos, atrasos do desenvolvemento motor...); tamén as enfermidades dexenerativas da infancia (atrofia espiñal, enfermidade de Duchene...); lesións medulares; patoloxía músculo-esquelética (acondroplasia, enfermidade de Perthes, artrogripose, luxación conxénita de cadeiras, escoliose, tortícole conxénita, plaxiocefalia e alteracións vertebrais); patoloxías do aparato respiratorio (bronquiolite, asma...), ou atrasos da adquisición da linguaxe.
Relacionadas:
-
Quirónsalud compra o Hospital Domínguez
Por Alejandro Espiño |
-
O Centro de Dano Cerebral Miguel Domínguez potencia un novo servizo de psicomotricidade infantil
Por Redacción |
-
O Hospital Domínguez aplica unha terapia novidosa para tratar o Parkinson avanzado
Por Redacción |
-
O Hospital Miguel Domínguez acolle un curso sobre manexo manual de pacientes
Por Redacción |
-
O Grupo Miguel Domínguez potencia a súa área de rehabilitación coa integración do Gabinete Rivas
Por Redacción |