O Hospital Miguel Domínguez acolle un curso sobre manexo manual de pacientes
Por Redacción
O Hospital Miguel Domínguez acollerá o próximo xoves, 5 de marzo, un curso gratuíto sobre o manexo manual de pacientes en actividades sanitarias e asistenciais no que poderán participar ata medio centenar de profesionais. O Grupo Hospital Miguel Domínguez (GHMD) e Fremap, entidade organizadora do seminario, inician así un ciclo de xornadas formativas que se desenvolverán durante os próximos meses.
O curso pretende dar a coñecer as recomendacións do Informe Técnico de ISO 12296:2012, Ergonomía-Manexo Manual de Persoas no sector sociosanitario, identificando os riscos asociados á manipulación dos pacientes e a aplicación de solucións. Farase especial fincapé na formación dos coidadores de persoas con mobilidade reducida e que precisan de axuda para realizar as actividades da vida diaria. Para iso desenvolveranse prácticas de mobilidade con padiolas, cadeiras de rodas e unha grúa.
A sesión será impartida polo enxeñeiro José Ignacio Antolinos Guinart, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial, Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada, integrado na Escola de Mobilización de pacientes de Fremap.
Poderán asistir profesionais de prevención do ámbito sanitario e asistencial, supervisores de formación, fabricantes de equipos auxiliares e traballadores de centros sanitarios e asistenciais ou de axuda a domicilio. Para inscribirse, os interesados deben contactar con Fremap Pontevedra a través do teléfono 986 866 769, en horario de 8 a 14 horas, ou enviando un correo electrónico a montserrat_losada@fremap.es.
A inauguración da xornada celebrarase ás 10.00 horas no salón de actos do Hospital Miguel Domínguez e no acto participarán o director xerente do grupo hospitalario, Miguel Domínguez, e o director de Fremap Pontevedra, Pedro Báez.