O incendio dun coche en Beluso esténdese a un monte próximo
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Sobre as 12:56 horas deste luns os Bombeiros do Morrazo foron alertados do incendio nun vehículo en Beluso, Bueu, na estrada que une esta localidade co polígono industrial de Castiñeiras. Foi a medio quilómetro da súa base, o que permitiu unha rápida actuación.
Segundo informaron os Bombeiros do Morrazo ao chegar encontráronse cun vehículo Citroën C-8 en chamas e tamén parte de monte raso, procedendo a sufocar o lume do vehículo nun primeiro termo e posteriormente o do monte.
Os dous ocupantes do vehículo saíron polo seu propio pé sen que se rexistrase ningún ferido no suceso.
Segundo explicaron os axentes da Garda Civil de Tráfico, unha avaría provocou que o coche empezase a arder.
Posteriormente un guindastre retirou o vehículo e limpouse a estrada.