Fin de semana de espírito emprendedor e creativo no Peter's Room de Marín
Por Redacción
Creatividade e espírito emprendedor déronse cita ao longo dq fin de semana en Marín. Tiveron como punto de encontro a praza de abastos e o evento Peter's Room, unha mostra de creadores emerxentes que celebrou na vila a súa sétima edición tras pasar en anos anteriores por localidades como Cambados e Vilagarcía de Arousa.
Entre as 19.00 horas do sábado e as 21.00 horas do domingo, as persoas que se achegaron á praza puideron gozar de talleres, concertos, gastronomía, presentacións e a mostra dalgúns dos creadores emerxentes máis destacados de Galicia.
O evento estivo concibido para que as familias gozasen nun ámbito de ocio, á vez que coñecían os traballos dalgúns dos creadores que están a empezar a despuntar en Galicia e, para axudar a conseguir ese obxectivo, se ofreceu un obradoiro de creación de videoxogos para nenos, concertos de artistas locais como Sara e Sofía ou a Sesión Vermut Lodeiros do domingo, amenizada polo grupo de jazz Néboa.
A vertente lúdica complementouse cunha máis profesional, de tal forma que os comerciantes e empresarios de Marín, Pontevedra e O Morrazo puideron establecer contactos comerciais con estes novos creadores cumprindo co seu obxectivo de "punto de encontro para coñecerse e recoñecerse, no profesional e no persoal, nun ambiente lúdico e agradable,".
Peter's Room fixo esta parada en Marín antes de trasladarse a outros puntos de Galicia.