A mostra de creadores emerxentes Peter's Room recala en Marín tras celebrarse en Vilagarcía e Cambados
Por Redacción
Tras seis edicións repartidas entre Vilagarcía de Arousa e Cambados, Marín é a localidade elixida para celebrar a sétima edición de Peter's Room. Trátase dunha mostra de creadores emerxentes que terá lugar os días 11 e 12 de abril na Praza de Abastos do municipio.
Peter's Room é unha comunidade duns 150 creadores, repartidos entre propostas de deseño gráfico, animación, deseño téxtil, produtos ou curtos.
Esta exposición de creadores está especialmente dirixida a profesionais aos que, a pesar de estar a traballar, lles custa encontrar as canles de distribución apropiadas para o seu produto ou servizo. Está creada para que sexa unha oportunidade de negocio, onde comerciantes, profesionais e clientes teñan un lugar en común onde encontrarse.
Os organizadores esperan reunir uns 50 participantes, que poderán inscribirse ata o 15 de marzo.
Ademais dos espazos de venda haberá, entre outras actividades, concertos, animación para nenos ou diferentes postos de gastronomía.
Esta actividade foi presentada este luns pola concelleira de Comercio de Marín, Cristina Acuña, acompañada por tres dos organizadores Alicia Nogueira, Leonardo Iglesias e Fernando González, os dous últimos naturais de Marín.