O modelo urbano de Pontevedra dá o salto a Nova York cun novo premio internacional
Por Alejandro Espiño
Ao modelo urbano de Pontevedra faltáballe, segundo o goberno municipal, un "tanto" no mercado anglosaxón. E parece que por fin o conseguiron. Un novo premio internacional incorporarase ás vitrinas do Concello de Pontevedra. Trátase dun recoñecemento que chega dende Nova York. Pontevedra logrou un dos premios á excelencia que entrega unha axencia creada polo exalcalde da cidade, Michael Bloomberg.
O Centro para o Deseño Activo (Center For Active Design) é unha ONG que promove o uso de solucións de planeamento urbano e arquitectónico para mellorar os hábitos saudables dos cidadáns. En concreto, a súa misión é reducir o risco de obesidade e enfermidades crónicas mediante a promoción de actividade física e o acceso a comida sa, todo iso a través do deseño de edificios, rúas e barrios enteiros.
Impulsada por Bloomberg, naceu como unha colaboración multidisplinar entre institucións públicas e privadas, entre eles os departamentos de saúde pública e urbanismo da cidade de Nova York, varias universidades estadounidenses, o Instituto Americano de Arquitectos ou diversas axencias e colectivos profesionais. Conta ademais con numerosos patrocinadores privados, que sustentan todas as súas actividades.
O pasado ano esta axencia creou uns premios para recoñecer a excelencia de proxectos de todo o mundo que apliquen as políticas saudables que impulsan dende esta organización. Trátase de modelos que, segundo as bases do galardón, "encontrasen maneiras creativas e efectivas para animar os cidadáns a incrementar a súa actividade física" en función de catro conceptos clave: transporte, ocio activo, edificacións ou espazos públicos e alimentación.
No caso de Pontevedra, o xurado do premio -composto por expertos en urbanismo, arquitectura, saúde ou deseño creativo- recoñeceu o modelo urbano pontevedrés como exemplo dun deseño que promove hábitos de vida saudables e celebra a transformación que sufriu a cidade. ÿ un dos seis premiados este ano -de entre os 30 finalistas que pasaron a preselección inicial-, pero o único que ve recoñecido un modelo integral.
"Estamos moi orgullosos de recibir este premio", afirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que cualificou como "dream-team" ao equipo de colaboradores que avalaron esta candidatura. Pero sen dúbida, destacou que é un premio "para todos os pontevedreses", xa que insistiu en que non podería ter sido posible "sen a colaboración de moita xente de toda a cidade".
Fernández Lores afirmou que este é, xunto co que Pontevedra recibiu en Dubái, o recoñecemento de maior proxección internacional que logrou a cidade. Era unha "peza de caza maior", apuntou Mosquera, xa que recoñeceu que se trata dun premio ao que o goberno municipal presentou a súa candidatura. "Presentámonos aspirando a ser finalistas", sinalaron, polo que gañalo foi unha grata sorpresa para o Concello.
A entrega do galardón a Pontevedra celebrarase o 11 de maio en Nova York.
Relacionadas:
-
Pontevedra conquista Nova York: "Sodes un modo de dicirlles a moitas cidades que podemos facer iso"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores brinda con pontevedreses residentes en Nova York polo novo premio internacional á cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Un acto festivo en lugar da pegada de carteis, primeira proposta do BNG para unha campaña alternativa
Por Redacción |
-
Pontevedra, exemplo de éxito dun proxecto de mobilidade urbana nun foro en Málaga
Por Redacción |
-
Pontevedra comparte palmarés en Nova York con Estambul e nove proxectos estadounidenses
Por Redacción |
-
A sociedade pontevedresa brinda polo premio ONU-Hábitat entregado en Dubái ao modelo urbano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Dubái 'coroa' o modelo urbano de Pontevedra co premio ONU-Hábitat
Por Alejandro Espiño |
-
"O de Pontevedra parecía unha utopía para calquera cidade. ÿ fantástico ver que se pode facer realidade"
Por Alejandro Espiño |