Os arquitectos organizan un ciclo de encontros a tres bandas en torno á restauración
Por Redacción
Co fin de achegar a figura do arquitecto no ámbito da delegación de Pontevedra aos cidadáns e xerar á vez un diálogo e contraste de opinións entre profesionais con diferentes modos de ver e entender a arquitectura, preséntase o segundo ciclo de conferencias "Triálogos de arquitectura", en continuidade co primeiro, que se realizou en maio de 2012, e tivo como temática "a vivenda de nova construción".
Estas conversacións a tres bandas poñerán de relevo a obra de tres arquitectos ou estudos de arquitectura de xeracións diferentes e cun tema común de actuación. Nesta ocasión, será o da restauración, rehabilitación ou reforma en obras de promoción privada, temática que responde á crecente demanda social de proxectos desta tipoloxía e na que a posta en valor do patrimonio arquitectónico toma vital importancia.
Esta segunda edición dos Triálogos de Arquitectura contará coa participación de 12 estudos, arquitectos, que mostrarán cada un dúas obras construídas, proxectos ou propostas que achegan diferentes maneiras de enfrontar unha rehabilitación ou reforma e que mostrarán, sen dúbida, a personalidade de cada un dos seus autores.
O tempo destinado a cada un será de 20 minutos (10 minutos por obra). Unha vez realizadas as exposicións procederase a un debate ou faladoiro no que poderán participar coas súas preguntas e reflexións os propios asistentes ás charlas, así como os propios promotores das obras, que tamén poderán achegar a súa experiencia e punto de vista.
As tríades de profesionais da arquitectura farán as súas exposicións dende o 15 de abril, durante catro mércores consecutivos, na Casa das Campás, en horario de 20:00 a 21:30 horas, sendo a última das presentacións o 6 de maio.
As tríades formadas e días de exposición serán os seguintes:
- Mércores 15 de abril: Sara Besada Porto, Francisco Márquez Taín e Mauro Lomba Martínez.
- Mércores 22 de abril: Estévez y González arquitectos, recunaedapena arquitectos e María José Fariña Busto.
- Mércores 29 de abril: María Pierres López, U+A arquitectura e Rodríguez+Pintos arquitectos SLP.
- Mércores 6 de maio: Estudio Xarda, Miguel Monteagudo Pazo e Santos - Mera arquitectos.
O carácter das charlas é totalmente aberto ao público, invitando dende o COAG á participación de todos os pontevedreses que queiran achegarse.
Relacionadas:
-
Vivendas de Bueu e Vilaboa, entre as mellores obras arquitectónicas dos últimos dous anos
Por Redacción |
-
Os arquitectos pontevedreses entregan no Café Moderno os seus premios Gran de Area
Por Mónica Patxot |
-
O río Gafos, de "regato intransitable" a un "lugar de disfrute" para todos os pontevedreses
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |