O río Gafos, de "regato intransitable" a un "lugar de disfrute" para todos os pontevedreses
Ata non hai moito, o río Gafos era un "regato intransitable" e grazas ao traballo de colectivos como Vaipolorío agora é un "lugar de disfrute" para toda a cidadanía pontevedresa. Así o asegurou o delegado en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Abelleira, organismo que decidiu recoñecer o labor "incansable" deste colectivo ecoloxista coincidindo co Día Mundial da Arquitectura.
Os arquitectos galegos decidiron dedicar esta celebración á posta en valor da construción de vivendas, espazos e paisaxes "saudables", que fomenten a calidade de vida dos cidadáns. E para o seu acto en Pontevedra quixeron destacar os traballos de recuperación, limpeza, posta en valor e difusión da riqueza ambiental do río Gafos, dende o seu nacemento en Figueirido ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra.
"Ás veces, a acción do home sobre a natureza resulta irreversible, pero outras é o home o que coa súa iniciativa tenta devolverlle á natureza o que el mesmo lle roubou", destacou Manuel Abelleira, nun acto que, entre outros, contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Durante o mesmo descubriuse unha placa conmemorativa en honor a Vaipolorío. Quedou situada ao inicio do paseo fluvial do Gafos, na confluencia das rúas Alcalde Hevia e Fernández Ladreda.
A pesar da chuvia que caeu de forma intermitente durante a tarde, os asistentes a esta conmemoración puideron cumprir co programa previsto e realizar un percorrido polo tramo do paseo fluvial que discorre polo barrio do Gorgullón. Ademais de contemplar as diferentes especies de flora e fauna que hai neste espazo, fixeron un repaso polas construcións que están situadas en todo este ámbito.
Neste sentido, comprobaron como pola marxe dereita do río hai vivendas de nova construción, "moi respectuosas coa paisaxe", mantendo a distancia legal de 25 metros ata o río. Pola contra, a marxe esquerda do río conta con construción dos anos 70, levantadas cun muro de contención ao lado do río que impide a integración coa paisaxe e a dinámica do río; moi criticadas nesta homenaxe polo colectivo ecoloxista, que agradeceu todo o traballo dos seus voluntarios.
Relacionadas:
-
Quen fixo estas sinalizacións no sendeiro do Gafos?
Por Redacción |
-
Os arquitectos organizan un ciclo de encontros a tres bandas en torno á restauración
Por Redacción |
-
Estudan unha profunda reforma do Gorgullón, Otero Pedrayo e o ámbito das dúas estacións
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío reclama ante a "ocupación ilegal" dunha servidume de paso na rúa Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
O contorno do río Gafos e o traballo de Vaipolorío, protagonistas do Día Mundial da Arquitectura
Por Redacción |