Amordazados contra a Lei Mordaza
Por Redacción
Coa boca amordazada en sinal de protesta, membros de Galiza Nova repartiron este mércores á mocidade información crítica coa Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza. O acto realizouse na praza da Peregrina e contou coa participación do secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, que quixo denunciar o "atentado contra os dereitos básicos e liberdades" que implica esta norma.
O responsable comarcal de Galiza Nova na comarca de Pontevedra, Alberte Fernández, considera que con esta nova lei, xa aprobada no Congreso dos Deputados e que comezará a aplicarse o 1 de xullo, o PP ten a intención de "calar a mocidade galega e a contestación social".
O BNG e Galiza Nova mobilizáronse a longo dos últimos meses contra esta lei, á que os nacionalistas tambén votaron en contra no Congreso "porque consagra o estado policial co obxectivo de silenciar e amordazar a crítica, denuncia e mobilización social".
Os mozos trasladaron á cidadanía que con esta nova lei participar en manifestacións en espazos coma campus universitarios e hospitais será castigado con sancións de ata 600.000 euros e convocar e participar nunha asemblea en espazo público, de 100 a 600 euros.
Galiza Nova denuncia tamén que con esta norma legalízanse as listas negras de manifestantes, militantes nacionalistas, activistas, sindicalistas, feministas, estudantes ou xornalistas, situación ante a que Alberto Mera mantén que "sempre estivemos nas listas negras, pero é o colmo que agora sexan legais".
Relacionadas:
-
A CIG mobilizarase este xoves para esixir a anulación da reforma Laboral e da Lei Mordaza
Por Redacción |
-
Os policías pontevedreses aseguran non estar "nin informados nin formados" para aplicar as novas reformas legais
Por Oskar Viéitez |
-
Galiza Nova reparte preservativos para "convidar a mocidade a protexerse co voto"
Por Redacción |