Todocosmos regresa a Sanxenxo o xoves cunha observación astronómica na Rosa dos ventos
Por Redacción
O programa de divulgación científica Todocosmos regresará a Sanxenxo o xoves cunha sesión pública de observación astronómica que terá lugar a partir das 22.00 horas, na Rosa dos Ventos, no Paseo de Silgar. Alí, os participantes nesta iniciativa terán a oportunidade de avistar planetas como Xúpiter ou Saturno, así como a Lúa ou a Nebulosa de Orión.
Esta actividade encádrase no convenio subscrito entre o Concello de Sanxenxo e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA).
A Administración sanxenxina está integrada neste proxecto dende o ano 2014, durante o que se celebraron oito observacións astronómicas, das que sete se desenvolveron no paseo de Silgar e unha na praia da Lanzada, ademais dun curso de verán de tres días de duración.
O concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, invitou veciños e visitantes a sumarse a esta proposta "xa que supón unha excelente oportunidade para observar o noso ceo cos instrumentos axeitados e coa explicación de expertos".