O vial que comunica os lugares de Bexa-Xermade-O Con será reparado
Por Redacción
O Concello de Marín con cargo ao Plan Marco de Mellora de Camiños de titularidade municipal solicitou a actuación de Bexa-Xermade-O Con que compete ás parroquias de Seixo e Ardán.
O presuposto da súa execución é de 76.021 euros e a subvención afecta á súa totalidade tendo que facerse o concello cargo do pagamento do IVE. O proxecto foi redactado e someteuse aos informes urbanísticos necesarios, quedando soamente á espera da autorización que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia outorgue pola súa afección da Variante.
O proxecto propón as actuacións de limpeza, perfilado de noiros e cunetas, dotación de nova canaleta de recollida, reposición de pavimentos.
Dende o goberno local valoran a importancia desta actuación que será licitada nas próximas semanas.
VISITA A PEDREIRAS
A alcaldesa de Marín xunto coa concelleira de Medio Ambiente e o concelleiro de Urbanismo visitaron este mércores a zona de Pedreiras, acompañados de representantes da Asociación de Veciños de Cantodarea, para ver o resultado das obras que se fixeron tras a obtención dunha subvención que a devandita asociación solicitou dentro do Plan de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra.
Os traballos consistiron no chorreo e limpeza de varias zonas do ámbito a cargo da brigada de obras do concello de Marín. Durante a visita valorouse a posibilidade de mellorar a accesibilidade da zona unha actuación complicada debido a que a zona é estreita e con pendente.
Revisáronse tamén as actuacións no lavadoiro de Pedreiras, con saneamento da toma de auga e a limpeza de todo o ámbito.