Detido tras roubar o bolso dunha muller dun tirón no centro histórico
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra identificaron e detiveron un veciño da cidade, de 44 anos de idade, con antecedentes policiais, como presunto autor dun roubo con violencia, empregando o método do tirón.
O presunto autor abordou unha muller que camiñaba polo centro histórico ás 23.00 horas do 7 de febreiro tras seguila durante un anaco. A continuación propinoulle un forte empuxón e tirouna ao chan conseguindo arrebatarlle o bolso.
O asaltante saíu fuxindo á carreira en dirección á Praza de Mugartegui (A Pedreira) co bolso no seu poder. Unha testemuña seguiuno ata que o autor do tirón botou o bolso ao chan.
A vítima presentou denuncia e a policía logrou identificar o presunto autor como responsable dun delito de roubo con violencia. Tras prestar declaración en dependencias policiais e comprobar que xa fora detido por outro roubo con intimidación foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.