Os comuneiros de Cobres avanzan nos traballos de limpeza e ordenación no monte de Castiñeiras
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres eliminou "un auténtica polvorín" no monte de Castiñeiras.
Así cualifican os comuneiros ás preto de 12 hectáreas de eucalipto afectadas pola praga do goníptero e que serán destinadas a biomasa.
Ademais a densidade do arboredo e a falta de ordenación imposibilitaba a silvicultura. Por iso limpouse a zona e levouse a cabo unha plantación de franxas transversais de castiñeiros que actuarán como devasa natural.
A acción completarase a mediados de abril coa plantación no mesmo terreo doutra variedade de eucalipto máis resistente ás enfermidades.
Cando finalicen os traballos a parte alta do monte comunal de Santa Cristina de Cobres estará ordenada, sendo o cultivo principal o piñeiro (45%), seguido do eucalipto (35%) e frondosas como o carballo ou o castiñeiro (20%).