Os comuneiros de Cobres repoboarán 24 hectáreas do monte de Castiñeiras con eucalipto nitens
Por Redacción
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, aprobaron este domingo a repoboación de 24 hectáreas do monte de Castiñeiras con eucalipto nitens e devasas formadas por franxas de castiñeiros. Ademáis prevese a plantación de 3 hectáreas de piñeiro pinaster con franxas intercaladas de frondosas, neste caso noceiras, no lugar da Fontaiña.
Esta actuación forma parte do plan de traballo e o orzamento previsto para o ano en curso, que ascende a 131.000 euros. As principais actuacións a levar a cabo son as silvícolas, ás que se destinarán máis de 46.000 euros, pero a maior porcentaxe de fondos destinarase á reforma da antiga Casa Reitoral, á que se destinarán máis de 52.000 euros.
A directiva dos comuneiros ten intención de poñer en marcha iniciativas para a posta en valor do potencial económico do monte comunal mediante a introducción do pastoreo, unha práctica que se mantivo activa durante séculos e que nas últimas décadas desapareceu. Hai unha posibilidade de instalar unha explotación en extensivo de porco celta no monte do Cabalo, aínda que non se executará este ano polas limitacións orzamentarias.
O voto unánime dos 86 comuneiros asistentes -que representan o 65% do censo- permitiu tamén aprobar as contas pertencentes ao ano 2014, onde se obtiveron uns ingresos de 67.000 euros e uns gastos de 70.000 euros, o 80% en actuacións silvícolas.
En relación coa compra da antiga retoral parroquial, deuse conta das negociacións con distintas entidades bancarias para financiar o 70% do importe da compra e os asistentes aprobaron asinar o crédito con Abanca.
Esta fin de semana pechou o prazo para a entrega dos traballos que se presentaron ao concurso para a redación do proxecto de rehabilitación da Reitoral e presentáronse un total de 16 traballos. Agora terán que ser examinados e avaliados.
Os comuneiros de Cobres puxeron en marcha nos últimos meses unha iniciativa destinada a axudar a aquelas familias con nenos en idade escolar que presenten unha condición laboral desfavorable. Segundo o aprobado na asemblea deste domingo, a iniciativa conta cun orzamento de 3.000 euros e destinaranse á axuda para adquisición de material escolar, libros de texto, becas comedor o outras que se poidan presentar. A directiva de montes porase en contacto coas ANPAS dos colexios de Riomaior e Toural e a asociación de veciños de Santa Cristina de Cobres para xestionar estas axudas.
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Cobres avanzan nos traballos de limpeza e ordenación no monte de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Convocan un concurso de ideas para rehabilitar a antiga Reitoral de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres negocian co Arzobispado a cesión da casa rectoral
Por Oskar Viéitez |