A pista polideportiva da Xunqueira reformarase para acoller novas aulas
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acudiu ao Centro de Información de Formación Profesional A Xunqueira para anunciar un investimento de 414.000 euros para converter o patio cuberto nunha zona con aulas e construír unha zona de montaxe de casas prefabricadas.
A obra de ampliación prevista consistirá no peche dos laterais da pista polideportiva cuberta para o acondicionamento neste espazo de 410 metros cadrados.
Neles instalarase un taller de madeira para a FP Básica, un almacén e un lugar para que o alumnado poida practicar a montaxe das casas prefabricadas de madeira e estruturas similares. As novas instalación conectaranse co resto do complexo prolongando un dos pasos peonís existentes.
O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio destas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias ás comunidade educativa.
"Esta inversión enmárcase nunha aposta pola Formación Profesional que vai permitir a implantación na cidade de Pontevedra dun módulo de FP Básica centrado na madeira", explicou o conselleiro.
Esta obra, xunto coa ampliación do CIFP Carlos Oroza, supón un investimento de 1,6 millóns de euros por parte da Consellaría nos centros integrados de FP da cidade de Pontevedra.
Este investimento é a resposta da Xunta ás reclamacións formuladas pola comunidade escolar do CIFP A Xunqueira pola masificación que sofre o centro.
ARMANDO COTARELO VALLEDOR
Logo da visita a Pontevedra o conselleiro acudiu a Vilagarcía ata o Instituto Armando Cotarelo Valledor, onde comprometeu un investimento de máis de 500.000 euros para a ampliación deste centro. O obxectivo da intervención, segundo explicou, é mellorar as instalacións do instituto con atención especial ás dedicadas á FP, a través da construción de 4 novas aulas taller e mais dun novo salón de actos.
A obra consistirá na ampliación do centro a través dun novo módulo de 581 metros cadrados que albergará 4 talleres e unha aula de usos múltiples. Isto permitirá reformular espazos dentro do edificio xa existente, transformando a actual aula de usos múltiples e a vivenda do conserxe en dúas novas aulas e un taller.
En toda Galicia, a Consellería destinará 6,1 millóns a obras de ampliación e mellora dos centros, mentres que un millón de euros máis estará dirixidos á adquisición de equipamentos de alto valor tecnolóxico para o seu uso nas ensinanzas de FP.
Relacionadas:
-
A ampliación dos institutos Carlos Oroza e Xunqueira acometerase este verán
Por Oskar Viéitez |
-
A caseta ecolóxica 'O Lecer', un proxecto colaborador que nace no campus para destinarse a ocio na Parda
Por Redacción |
-
O concelleiro de Educación cre que as obras prometidas para o Carlos Oroza son "proxectos virtuais" do PP
Por Redacción |
-
A Xunqueira propón habilitar coma aula a cancha cuberta ante a masificación dos alumnos
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas pola masificación do alumnado nos centros de FP
Por Oskar Viéitez |