A caseta ecolóxica 'O Lecer', un proxecto colaborador que nace no campus para destinarse a ocio na Parda
Por Redacción
Alumnos e profesores do CIFP A Xunqueira, veciños da Parda e empresas do sector da construción e da madeira participaron da presentación da edificación denominada 'O Lecer' dentro do proxecto 'Constrúe en verde'. Trátase dun traballo que, dentro do programa Tangram promovido pola Universidade de Vigo, ofrece a creación dunha pequena edificación totalmente ecolóxica que dará resposta á demanda veciñal desa zona da cidade.
A través de alumnos e profesores do Departamento de Madeira e Moble do CIFP A Xunqueira elaborouse o deseño gañador do concurso de ideas convocado meses atrás para trasladalo proximamente á praza Cítara co obxectivo de que se converta nun espazo lúdico para os veciños.
Rocío Gómez-Juncal, responsable de dinamización de Tangram, sinalou durante a presentación que se mobilizou a moita xente para este proxecto de forma que "un proxecto que nacía moi modesto acabou sendo para nós uns símbolo da unión das forzas". O arquitecto Bernardo Carballal explicou que se logrou converter o deseño nun edificio elaborado por módulos. Neste mesmo sentido tanto o vicereitor universitario, Juan Manuel Corbacho, e a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, coincidiron tamén en destacar o traballo colaborador entre persoas e entidades totalmente diferentes.
'Constrúe en verde' forma parte da primeira edición de Tangram, un proxecto iniciado en 2014, que está a recoller premios como o obtido no congreso Design For All Foundation, celebrado en París.